O vindeiro sábado, 16 de novembro, celebraremos o I ENCONTRO DE FAMILIAS Paseniño, patrocinado pola Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia. Contaremos tamén coa colaboración do Concello de Cee, que nos cederá o espazo necesario para levar a cabo o encontro.
Dende a Asociación Paseniño queremos convidar a todas as familias de nenos, nenas e adolescentes con necesidades educativas especiais da Costa da Morte a participar nun encontro pensado especialmente para nós. Este evento terá como principal obxectivo crear un espazo seguro, cálido e enriquecedor onde poidamos coñecernos, compartir experiencias, preocupacións e coñecementos que nos axuden a afrontar os retos diarios que conleva a diversidade educativa.
Para facilitar a asistencia de todas as persoas interesadas, ofreceremos un servizo de canguraxe especializado e gratuito, de forma que poidades acudir ao evento sabendo que os vosos fillos e fillas estarán ben atendidos.
Queremos que cada familia se sinta a gusto, acompañada e comprendida, nun ambiente onde a empatía e a solidariedade sexan os principais protagonistas. Este será o lugar perfecto para conectar con outras persoas que viven situacións semellantes, coñecer recursos útiles, e sentir a forza da comunidade.
Para poder participar, é necesario realizar a inscrición antes do 13 de novembro a través do formulario ao que podedes acceder premendo aquí.
Agardámosvos con ilusión para compartir unha tarde especial, onde todas as familias poidamos atopar un lugar acolledor no que sentirnos benvidas, comprendidas e en confianza.
