O pasado 16 de novembro, as familias da Costa da Morte reuníronse nun encontro organizado por Paseniño, patrocinado pola Dirección Xeral de Persoas con discapacidade e contando coa colaboración do Concello de Cee.
Este encontro estivo centrado nos desafíos e oportunidades da crianza de nenos e nenas con necesidades educativas especiais A actividade, que se celebrou en horario de tarde, contou cun servizo de conciliación que favoreceu a asistencia das familias participantes.
Un espazo para compartir e sumar forzas
O encontro serviu como un valioso punto de conexión para as familias. No programa desenvolvéronse varias actividades, entre elas unha charla sobre as dificultades e oportunidades de educar a nenos diversos na sociedade actual, un espazo de intercambio titulado Camiños Compartidos: Falando sobre Desafíos e Solucións, e un tempo de café e conversa que permitiu ás familias compartir experiencias e establecer novas redes de apoio.
«Asistir a este encontro fíxonos sentir que non estamos sós nesta loita. Tivemos a oportunidade de coñecernos, compartir as nosas inquietudes e coller folgos para seguir defendendo os dereitos dos nosos fillos e fillas», afirmou unha das asistentes.
As demandas principais
Do debate e reflexión conxunta xurdiron varias demandas concretas para mellorar a atención e inclusión das persoas con diversidade e o apoio ás súas familias:
- No ámbito educativo: As familias solicitan valorar máis o proceso de aprendizaxe e non só os resultados académicos, maior formación do profesorado, accesibilidade e inclusión real, así como apoio continuo durante toda a etapa escolar. Tamén se destacou a necesidade de profesionais especializados, como mediadores comunicativos, e unha maior implicación dos centros educativos nas necesidades das familias.
- Asociacións afíns: Piden maior visibilidade, colaboración nos procesos, asesoramento, recursos suficientes e un apoio que abarque todas as familias, non só as neurotípicas.
- Sector privado: Reclámase unha oferta máis accesible económicamente, maior implicación no rural e un enfoque menos mercantilista cara ás familias.
- Ámbito sanitario: Destacouse a urxencia de diagnósticos máis rápidos e precisos, unha atención máis empática e personalizada, coordinación entre equipos multidisciplinares e melloras na accesibilidade nos servizos.
- Servizos sociais: Piden máis axilidade, formación e empatía, eliminación de burocracias e estigmas, e un acompañamento integral ás familias.
- Administración pública: Solicítase un maior investimento en recursos e investigación, así como apoios educativos e económicos reais. «Que nos vexan como persoas e non como votos», foi unha das mensaxes que xurdiu deste espazo.
Un futuro de oportunidades
A xornada rematou cunha mensaxe de esperanza. As familias destacaron que a visibilidade da diversidade está a medrar e que encontros coma este son claves para cambiar realidades. A formación online está a romper barreiras no rural, e cada vez hai máis oportunidades para avanzar na inclusión.
As palabras das familias participantes ilustran a emoción vivida:
- «Moitas grazas pola acollida e por facernos sentir tan cómodas.»
- «Foi un pracer compartir esta tarde, bonita e terapéutica, con todas e todos vós.»
- «Bos días, grazas por facernos medrar como persoas. Enriquecedor e inolvidable.»
Paseniño agradeceu a participación de todas as familias e comprometeuse a continuar sendo unha plataforma de encontro e apoio. Con forza renovada, as familias miran cara ao futuro co convencemento de que a unión pode cambiar moitas cousas.