PROGRAMA DE MAÑÁS ACTIVAS

Programa de actividades prácticas para a mocidade (16 a 35 anos)

Na Asociación Paseniño poñemos en marcha Mañás Activas, un programa de actividades semanais dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos que xa non están escolarizados.

O propósito é ofrecer un espazo activo, útil e inclusivo no que desenvolver competencias persoais e sociais cun enfoque totalmente práctico, funcional e conectado coa vida real. 

Organización das sesións

O programa estrutúrase en sesións semanais, cunha frecuencia de 1 a 3 sesións por semana segundo dispoñibilidade e necesidades do grupo. Cada sesión terá unha duración variable entre 1 hora e media e 3 horas. Traballarase sempre en grupos reducidos, o que permite un acompañamento próximo, unha atención individualizada e un ritmo adaptado a cada persoa participante.

Todas as actividades son prácticas, vivenciais e adaptadas, con obxectivos orientados á autonomía, ao benestar, á socialización e á participación na comunidade.

Bloques de actividades

  • Habilidades do fogar e autonomía. Aprendizaxe de rutinas do día a día no fogar. Talleres de cociña sinxela para preparar almorzos e pratos básicos. Saídas ao supermercado para elaborar listas da compra, comparar prezos, pagar e revisar tickets. Planificación da semana e organización persoal con ferramentas visuais e uso práctico do móbil: alarmas, recordatorios, notas e mapas para desprazamentos.
  • Habilidades sociais en situacións reais. Práctica da comunicación social no entorno: pedir axuda nun comercio, iniciar conversas curtas, realizar chamadas funcionais, solicitar citas, esperar turnos e xestionar pequenas interaccións cotiás. Actividades cooperativas en grupo, retos compartidos e espazos de expresión oral sinxelos. 
  • Xogos de mesa e estimulación cognitiva. Sesións de xogos manipulativos e sociais: cartas, dominó, xogos de rapidez visual, memoria, atención e estratexia. Retos breves de lóxica e atención mediante secuencias, patróns, labirintos e dinámicas de planificación.
  • Ximnasio e actividade física funcional. Acompañamento no uso básico do espazo de ximnasio: emprego de máquinas sinxelas e creación de rutinas propias tipo circuíto. 
  • Manualidades. Creación de materiais funcionais e creativos: decoración de espazos, elaboración de obxectos útiles ou proxectos artísticos cooperativos, elaboración de materiais para a venda…
  • Paseos, camiñatas e saídas culturais. Rutas a pé pola contorna para traballar orientación, mobilidade e interacción social natural. Visitas culturais prácticas a espazos da comunidade: biblioteca, mercado, exposicións, museos ou actividades do entorno social.
  • Voluntariado social.  Acompañamento e apoio a outras persoas en tarefas cotiás: preparar listas da compra, axudar a localizar produtos, cargar bolsas, ou colaborar en xestións sinxelas na comunidade (correos, concello ou outros servizos locais), sempre ensaiando previamente mediante guións curtos e simulacións antes de realizar a tarefa real.
  • Competencias dixitais e novas tecnoloxías aplicadas. Uso funcional do móbil e ferramentas dixitais: enviar ubicación, escanear e organizar documentos en carpetas, achegar arquivos por email, cubrir formularios online sinxelos, empregar calculadora e mapas. Normas prácticas de seguridade dixital, privacidade e uso responsable das tecnoloxías.
  • Habilidades académicas prácticas. Traballo de lectura, escritura e matemáticas con utilidade e sentido práctico: ler carteis, horarios e instrucións, escribir listas ou mensaxes curtas, usar medidas (gramos, metros…), porcentaxes básicas aplicadas a compras e tarefas… 

Mañás Activas é un programa pensado para construír aprendizaxes que sirvan para a vida, para mellorar a autonomía persoal, para gañar seguridade nas interaccións sociais e para participar de forma activa na comunidade. Cada sesión adaptarase a cada persoa e a cada ritmo, priorizando sempre o aprender facendo e un enfoque práctico e útil para a vida.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

× Contactar con Paseniño